Wednesday 24 de April de 2024

A Xunta investirá máis de 767.000 euros en diferentes actuacións paisaxísticas, medioambientais e de mellora de equipamentos nos concellos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte


A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza financia este tipo de traballos con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental competitivo e non competitivo

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro,visitou esta mañá Vimianzo para informar da resolución das ordes de Axudas da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental competitivo e non competitivo e de Infraestruturas que repartirán máis de 767.961 euros en 14 concellos da comarca de Bergantiños-Costa da Morte. En total, 74 municipios da provincia da Coruña recibirán máis de 3,7 millóns de euros con cargo a estas ordes de subvencións.
No caso concreto de Vimianzo, contará cunha partida máis de 121.000 euros para levar a cabo a posta en marcha dunha rede de saneamento de Vilaseco na parroquia de Castrelo que incluiría a construción dunha planta depuradora; a renovación de máis de 120 luminarias do alumeado público exterior do municipio e para a posta en marcha dun punto limpo e servizo de recollida de lixo que contemplaría tamén a adquisición de colectores e unha campaña de sensibilización.
Outra das obras máis importantes que se realizará na comarca con cargo a estes fondos será a 2ª fase da mellora do acceso peonil á Fervenza do Río Xallas no Ézaro que contará cunha achega da Xunta de máis de 148.000 euros.
Ovidio Rodeiro destacou que “estas axudas son posibles grazas á aprobación, en 2009 da lei, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental xa que antes os concellos non percibían nada polos muíños de produción de enerxía eléctrica instalados no seu territorio”.
O resto do investimento repártense entre Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cee, Cerceda, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Vimianzo e Zas tendo en conta criterios obxectivos por ter no seu territorio municipal un parque eólico ou por estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.
Estas axudas van a destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.